Wednesday 08 de May de 2024

A sala de exposicións do Concello de Brión inaugura temporada coa mostra “Imarxinacións”, do artista local Fran Lareo


A inauguración terá lugar este venres 6 de abril e contará coa presenza do artista, do escritor Alfredo Conde e do alcalde José Luís García

A sala municipal de exposicións do Concello de Brión acolle esta semana a primeira mostra da temporada con “Imarxinacións”, unha exposición do artista local Fran Lareo. Unha exposición que será inaugurada este venres 6 de abril, ás 20:30 horas, polo alcalde de Brión, José Luís García, quen estará acompañado polo escritor Alfredo Conde e o propio artista.

“Imarxinacións”, que poderá visitarse do 6 ao 20 de abril na sala municipal de exposicións de Brión, inclúe tres esculturas iniciais en pedra e outras 50 esculturas en miniatura en madeira con pirograbado sobre carballo, faia e sapeli. Unha mostra que recolle todo o traballo inicial deste artista, así como os seus últimos traballos no seu obradoiro da avenida de Santa Minia, emprazado a escasos metros da propia sala de exposicións.

Fran Lareo (Brión, 1966) é un escultor autodidacta que comezou a realizar estas esculturas de pequeno formato en 1998, traballando cada peza sen ningún tipo de molde e decorándoas posteriormente. Ten participado en numerosas exposicións tanto individuais como colectivas por toda Galicia, se ben esta será a primeira vez que expoña en solitario en Brión. Tamén ten participado en exposicións colectivas a nivel internacional, como en Figueira da Foz (Portugal) ou en Milán (Italia).